Hoxe, 24 de outubro, é o Día da Biblioteca. Dicía Augusto Monterroso que unha das súas sortes como lector foi nacer pobre nun país pobre, xa que así toda a súa formación literaria transcorreu na biblioteca pública, que carecía de cartos para mercar libros, dependía das donacións e, polo tanto, tiña sobre todo obras clásicas , de “probada solvencia”. Deixando a un lado a ironía que sen dúbida encerran as palabras do escritor guatemalteco, non deixa de ser certo que a biblioteca é o único lugar de acceso ós libros do que dispoñen moitos nenos no mundo; pero dase o paradoxo de que nun país rico como é o noso, a sobreproducción editorial está a converter as bibliotecas case no único refuxio que teñen os libros máis aló das mesas de novidades das librarías. As bibliotecas alongan a vida dos libros e permiten que cheguen a un maior número de lectores. Para moitos nenos a biblioteca da súa escola, do seu barrio ou da súa vila pode ser o lugar onde atopar libros distintos, libros que se acheguen a eles de xeito diferente; que lles ofrezan outras miradas, outros enfoques; libros clásicos que teñen conquistado a outras xeracións ou libros de vangarda que exploran novos xeitos de comunicación. A boa literatura expande o pequeno mundo en que cada un de nos vivimos; canto menos uniformes sexan os libros que lemos, máis rico será ese noso mundo. As bibliotecas contribuen a esa diversidade e ofrécenlles ós libros algo que éstes necesitan tanto como as persoas e do que cada vez, como as persoas, teñen menos: tempo.
Felicidades pois ás bibliotecas e a todos os bibliotecarios e as bibliotecarias .
Recent Comments