
Como non podía ser doutra maneira, moitos dos contos tradicionais africanos teñen por protagonistas a animais humanizados convertidos en arquetipos positivos ou negativos. Un dos máis repetidos é o do poder que, ás máis das veces, tórnase vanidoso ou egoísta, outro é o da astucia, unha cualidade case sempre ambivalente que triunfa sobre a forza bruta a base de enganos e adulación.
Este relato, co que Kalandraka inicia unha serie de contos do mundo, procede da tradición oral dos “bantú” e narra a historia de Kandinga, un poderoso león ó que a maldade e a avaricia deixan só, sen ninguén que lle axude a cazar cando a enfermidade e a vellez aparecen. Triste, fraco, pero aínda cheo de orgullo atopao a lebre, quen fai un trato con él : axudaralle a cazar se promete compartir a caza con ela; Kandinga prométeo e a lebre, con mentiras e trampas, consegue convencer ós outros animais para que se acheguen ó león, pero éste, unha vez que ten a caza asegurada, négase a compartila o que desencadeará a vinganza da lebre.
Tradicionalmente os contos que se lles contan ós pequenos, serven, ben para reforzar, ben para repudiar, determinados comportamentos e actitudes necesarios ou perigosos para a pervivencia da sociedade. Neste caso castígase o egoísmo e refórzase o valor da palabra dada, xa que, tanto a xenerosidade como a reciprocidade no trato, son valores moi importantes nunha sociedade na que a cooperación é a base da supervivencia e na que priman as necesidades do grupo sobre as do individuo. O conto , como tamén é habitual naqueles que proceden da tradición popular en calquera cultura, é directo, sen concesións ó sentimentalismo, cunha mensaxe clara pero aberto a diferentes interpretacións.
O seu autor, Boniface Ofogo, de orixe camerunés pero afincado en España, está especializado na recuperación de fábulas, lendas e mitos da África negra que despois narra ás nenas e nenos dos centros, escolas ou bibliotecas que visita. Desta vez a súa historia conta con outra narradora, Elisa Arguilé que, a pesares de non ter visto nunca un león, nin a sabana africana, é capaz de transformalas en imaxes que son “… unha linguaxe que se entende en calquera parte do mundo.”
Escrito por: Boniface Ofogo
Ilustrado por: Elisa Arguilé
Editorial: Kalandraka
Recent Comments