
“Un día alegre, de súpeto, unha araña gorda e fea… brincou desde o ceo para aterrar no meu corpo. A descarada, primeiro explorou unha deda do meu pé, avultada coma un kiwi…”
A araña vai percorrendo o corpo enteiro da meniña, o xeonllo, o embigo, os peitos… nun xogo de exploración e coñecemento a través dos seus sentidos: o tacto da súa pel, a forma e as cores das froitas, as texturas..
A composición fotográfica en combinación cun texto moi medido e de gran beleza logra transmitir ó lector (ou oínte) unha experiencia sensorial chea de tenrura e ledicia, pensada para seres compartida .
É, na nosa opinión, un deses álbumes que debería ter unha longa vida, xa que é ideal para ler en voz alta a nenos moi pequenos, axudándose das imaxes e tamén para que sexan os nenos sós os que o manexen ó seu xeito antes de que saiban ler . Como primeira lectura ou para traballar co libro nunha clase . E, por suposto, como agasallo a futuros pais e nais. Moi fermoso.

Escrito por : Fran Alonso
Con fotografías de: Manuel G. Vicente
Editorial: Kalandraka
Junio 29th, 2009 at 11:23 am
O da araña, valería para Violeta?, é que lle ten unha fobia tremenda e ao mellor así se lle vai indo.
Junio 30th, 2009 at 1:31 pm
Podería ser, porque a verdade é que aínda que está pensado para nenos pequenos que comezan a descubrir o corpo, as cores, as sensacións..pode gustar a nenos máis maiores que o poden ler case coma un poema. Outra opción é que o lea en inglés (sacaron a edición en inglés ó mesmo tempo)xa que o vocabulario non é demasiado complicado. A araña é desas pequenas e bonitas, non da nada de medo.