DÍA DAS BIBLIOTECAS

Novas Add comments

bbw_read

Hoxe voltamos celebrar o día das bibliotecas. No pregón que o pasado ano escribía Agustín Fernández Paz podiamos ler:

“Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda[...]ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta”.

Todos os anos a ALA (Asociación de Bibliotecas dos Estados Unidos) celebra a semana dos libros prohibidos e publica unha lista con aqueles libros que, ó longo dese ano, son obxecto de denuncias para  seren retirados das bibliotecas ou dos colexios porque os seus contidos son considerados pouco aptos para nenos ou mozos. Desas peticións algunhas son atendidas e os libros son censurados ou afastados a unha sección especial onde só poden ser retirados baixo autorización paterna; outras peticións non se teñen en conta e os libros seguen dispoñibles sen restricións, hai institucións que practican a autocensura para evitar a polémica e directamente non mercan os libros que teñen un maior número de denuncias. A lista  publícase precisamente para evitar que a censura, vestida coa ropaxe da protección á infancia, penetre pola porta de atrás nas sociedades onde a liberdade de expresión dáse por sentada .

Todos os libros que lemos  chegan ás nosas mans despois de que alguén decidirá por nós se merecían ou non seren publicados, publicitados, louvados ou desdeñados; a nosa capacidade de elección como en todo é relativa. No caso da literatura infantil aqueles que actúan de intermediarios entre os libros e os nenos son ás máis das veces os mesmos que teñen nas súas mans a responsabilidade de educalos e, polo tanto, de decidir qué debe ser mostrado ós nenos e qué debe ocultarse. Non é unha decisión doada. As bibliotecas son case por definición un refuxio para a tolerancia, a pluralidade, a multiplicidade, un espacio de liberdade, cunha vocación clara de abrir as portas dos libros a todos aqueles que teñen pechadas outras moitas portas. Para crer ata que punto as bibliotecas poden contribuír á mellora da vida das persoas só hai que mirar para experiencias como as de Medellín en Colombia. Para entender ata que punto os libros contribúen á formación da realidade social só hai que mirar para as listas e os motivos dos censores. A responsabilidade de decidir qué libros teñen que estar a disposición dos nenos e nenas que herdarán este mundo é bastante máis importante do que poida parecer.

Felicidades ós bibliotecarios e bibliotecarias e sorte no seu labor.

Para saberes máis sobre a semana dos libros prohibidos tedes información nesta páxina:

www.ala.org

Leave a Reply

WP Theme & Icons by N.Design Studio
Entries RSS Comments RSS Log in