![Tic-Tac_pastilla[1] Tic-Tac_pastilla[1]](http://www.librariaquimbamba.com/wp-content/Tic-Tac_pastilla1.jpg)
“Tic Tac” é o novo libro-disco de KALANDRAKA, interpretado por Pablo Díaz, con ilustracións de Marc Taeger e colaboracións musicais: Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote… Conta tamén coas achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo, respectivamente.
As 16 cancións do disco abordan temas próximos aos máis novos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, proporcionándolles vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Un libro-disco para ver, escoitar e cantar que se complementa cunhas espectaculares ilustracións elaboradas coa laboriosa técnica do linogravado.
O reloxo de Alberte” é o principio deste percorrido musical, cun áxil “Tic tac” (Fran Amil na batería e Tito Calviño na guitarra eléctrica). Co son da harmónica, convencémonos de que “un libro está sempre comigo e así pode ser o meu amigo”. E neste tempo de inverno, non podía faltar “A choiva”, na voz de Xabier Díaz. Os animais do cortello son os protagonistas encadeados de “Un vello”, a ritmo de violín e bouzuqui. As gaitas e a percusión soan con enerxía en “O traxe de metal” (Brais Maceiras no acordeón diatónico).
Na canción da cunca, sobre os obxectos que se atopan na cociña, conta nos coros coas Axeitadiñas. “Imos contar un conto” lévanos con ledicia pola beira da imaxinación. As cousas do amor están presentes na historia do “Crocodilo”, no que destaca a música a base de cavaquiño, saxofón, frauta travesa e trombón. Carmen Rey canta e interpreta o piano na suave melodía “No mar”.
“Son un trasno” recrea un divertido relato, con profusión musical e acústica (Pedro Lamas no saxofón). Os efectos sonoros acompañan “O reiseñor”. A guitarra eléctrica e a batería marcan o compás en “O rock do porco celta”. Séguelle a historia do “Moucho chosco”, coa voz da pequena Icía poñendo o ton infantil. “Un, dous, tres” é a canción dun libro homónimo de FAKTORÍA K. Ruote acompaña o retrouso popular de “O jai jai” e, por último, Guadi Galego é a voz e o piano dun doce “Arrolo” que nos acompaña na hora de durmir.
[Texto da presentación editorial do libro]
Gústanos tanto que xa o sabemos de memoria e imos compartilo con quen queira vir a escoitar, cantar e bailar con nós o próximo sábado na libraría (para saber máis clica na pestana de actividades).
Texto e Música: Pablo Díaz
Ilustracións: Marc Taeger
Recent Comments