
Este sábado tivemos en Quimbamba un contacontos que para nós foi algo especial; e foino porque quen viu contar os contos é realmente especial. De todas as persoas ás que estamos en verdade agradecidas (e afortunadamente son xa un bo feixe delas), Juana ocupa sen dúbida o primeiro posto na lista. Hai moitas razóns para elo; o cariño que nos amosou dende o primeiro momento, o “chute” de enerxía que supón para nós cada vez que ven visitarnos, a súa xenerosidade en transmitir o que sabe (e sabe moito) ou o seu impagable e desinteresado labor de difusión, entre outras.

Pero tamén foi especial porque Juana, sentada nunha cadeira e coa única axuda da súa voz, engaiolounos a todos, nenos e maiores. E toda esa maxia sae da súa experiencia como mestra , de anos compartindo cos seus alumnos a paixón polos libros.
Case todos gardamos no noso interior un oco, pequeniño pero intacto ó longo do tempo , para un mestre ou unha mestra que deixou en nós a súa pegada. Coñecendo a Juana estamos seguras de que ela ten plantado unha semente en moitos nenos e nenas e que esa semente agromará neles dun ou doutro xeito, e sabémolo porque comparte con eses mestres que recordamos unha calidade discreta e pouco común: é unha persoa inspiradora.

Coma sempre o noso agradecemento a todos os que viñeron pasar a mañá do sábado con nós (e grazas a Ramiro polas fotos).
Recent Comments